Monday 29 de April de 2024

A sororidade encheu o salón de plenos do Concello de Fene nun 8M reivindicativo


Unha vintena de mulleres participaron nun programa de radio especial no que compartiron reflexións e reivindicacións

O pleno municipal acordou unha declaración institucional na que reclaman ao novo Goberno da Xunta medidas urxentes para avanzar en igualdade

“Nin princesas, nin escravas”. Baixo este lema, a área de igualdade do Concello de Fene organizou unha xornada de actividades para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Un día no que en Fene as mulleres ergueron a súa voz, unidas para reivindicar uns dereitos e avances en políticas de igualdade “que non poden agardar máis”.

Durante hora e media, unha vintena de mulleres de Fene pasaron polos micrófonos dun programa especial de radio no que houbo espazo para a opinión, as reflexións e a reivindicación, pero sobre todo para a sororidade. A través de varios bloques temáticos abordáronse temas como o papel da muller no tecido asociativo, con representantes das diferentes entidades veciñais; na educación, coa participación das ANPAs, unha profesora e unha estudante; e as violencias contra a muller, no que falou unha vítima de violencia de xénero, unha policía, unha usuaria do programa de defensa persoal posto en marcha polo Concello e unha representante da Marcha Mundial das Mulleres.

No decorrer do programa, e dun xeito transversal, tamén foron xurdindo outras temáticas, como as diferenzas salariais e de oportunidades no marco laboral, ou o papel que xogan as redes sociais na banalización da violencia contra a muller. Ao remate do mesmo, a concelleira de igualdade, Sandra Permuy -que tamén participou no programa-, agradeceu ás participantes “a súa disposición a colaborar” e comprometeuse con elas “a seguir loitando, escoitando e axudando para avanzar até conseguirmos a igualdade real”.

“O 8M non debe quedar nunha conmemoración dun día para cubrir expediente, é preciso reivindicalo os 365 días do ano, facendo que as políticas de igualdade estean presentes en todas as áreas” salientou Permuy, quen reclamou “unha maior consignación nos orzamentos da Xunta e do Estado que permita aos concellos desenvolver iniciativas no camiño de rematar coa discriminación de xénero”.

Precisamente co obxectivo de facer que a igualdade estea presente no día a día da vida municipal de Fene, o Concello inaugurou o espazo “Sementando Igualdade”, nun entorno recuperado no lateral da Casa Consistorial.

Mural pola igualdade, Photocall e accións de impacto nos centros educativos

O Concello de Fene tamén realizou para este 8M -nas inmediacións do Museo do Humor- o “Mural pola igualdade, obra do artista urbano Ito Mosquera. Unha peza artística que combina unha parede vertical cunhas escaleiras para completar a obra con versos de Rosalía de Castro: “Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”.

Ademais, na entrada do Concello instalouse un photocall e distribuíronse pulseiras co lema da campaña; e nos centros educativos, a sede de Servizos Sociais e a propia Casa Consistorial colocáronse montaxes con globos de gran impacto para lembrar a importancia deste día reivindicativo do feminismo.

Declaración institucional do pleno

Os diferentes grupos políticos representados no pleno municipal, acordaron -na sesión plenaria de onte- unha declaración institucional de apoio ás reivindicacións e convocatorias dos colectivos feministas con motivo do 8M. Un feminismo galego autoorganizado que neste 2024 sinala os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade, e que coloca novamente no centro do debate político e social as consecuencias, para as mulleres galegas, do sistema económico, social e político, agravadas pola crise de prezos.

O Concello de Fene esíxelle nesta declaración institucional ao novo Goberno da Xunta medidas urxentes para avanzar en igualdade, entre elas a aposta pola igualdade no ensino, o impulso dunha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas ou o impulso dunha Lei de Igualdade no Deporte. Tamén se dirixe ao Goberno do Estado para reclamar que se incrementen os fondos do “Plan Corresponsables”, co obxectivo de chegar á maior poboación posíbel.

Así mesmo, no marco das súas competencias, o Concello de Fene comprométese a fomentar os plans de conciliación e os modelos alternativos de coidados, aumentar gradualmente a partida de orzamentos adicada a políticas de igualdade e continuar coa implementación de accións en escolar de primaria e secundaria.